Cualificada como Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social, Hornos de Lamastelle forma parte da Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal)

A conselleira de Emprego felicita a Hornos Lamastelle pola súa capacidade de "inovar" con dous produtos tradicionais

  • A empanada e a Tarta de Santiago, dúas elaboracións típicamente galegas, son o principal reclamo de Lamastelle para conquistar novos mercados e agora, grazas á súa nova imaxe, a un público máis novo.
  • Elena Rivo visitou por primeira vez o centro especial de emprego sen ánimo de lucro, que emprega preto dun centenar de traballadores, dos cales un 95% teñen algunha discapacidade.
  • A historia de Hornos Lamastelle comezou hai máis de tres décadas en Oleiros tras un curso de formación especializado en panadería e pastelería. Os seus produtos son hoxe en día amplamente recoñecidos polo público.

 

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Oleiros, 19 de xullo de 2023. Hornos Lamastelle, un centro especial de emprego que comercializa en toda España e exporta a varios países europeos a tradicional empanada galega e a Tarta de Santiago con Indicación Xeográfica Protexida, recibiu este mediodía a visita de Elena Rivo, a nova conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade. Rivo, que quixo coñecer "in situ" o labor que levan a cabo no obradoiro de Oleiros, manifestou a súa admiración por este modelo empresarial "que aposta pola inclusión sen perder de vista o crecemento sostible ao que toda iniciativa debe aspirar para garantir o seu futuro".

A conselleira, que estivo acompañada polo presidente de Cegasal, Herminio Martínez, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, tivo ocasión de charlar con algúns traballadores e coñecer os "segredos" dos dous produtos estrela da empresa, que cada día conquistan máis paladares grazas á calidade dos ingredientes empregados na súa elaboración 100% artesanal e "ao agarimo que lle poñemos a todo o que facemos", sinalou o xerente do centro, Manuel Santos.

Santos explicou que cada ano saen das instalacións da empresa máis de 2.300.000 quilos de empanada galega con destino a distintos puntos da xeografía española, pero tamén a países como Suíza ou Alemaña.

Hornos Lamastelle ten como actividade principal a integración de persoas con diversidade funcional a través da fabricación de empanadas galegas en diferentes tamaños e formatos, acompañadas pola preparación de produtos de repostería como a Tarta de Santiago ou os biscoitos. Actualmente a empresa dá emprego a 108 persoas das cales un 95% teñen algún tipo de discapacidade.

Históricamente, Hornos Lamastelle deuse a coñecer pola produción de empanadas artesanais dirixidas, inicialmente, a comercializarse nun mercado de proximidade. O seguinte paso, coa incorporación dos túneis de conxelación e de procesos produtivos mecanizados, permitiu un salto ao mercado nacional e internacional, ofrecendo agora un amplo abano de produtos para dar resposta ás diferentes necesidades do mercado, como empanadas artesanais e empanadas para grandes contas. Recentemente este centro especial de emprego deu un paso adiante presentando unha nova imaxe exterior para os seus produtos, moito máis moderna e chamativa. Este formato pretende chegar a un público máis novo a través dun deseño atractivo e orixinal que chama a atención nos lineais das superficies comerciais: "Parécenos importante este aspecto porque estamos seguros de que unha vez proben os nosos produtos, repetirán".

Tras a visita e en declaracións aos medios, Rivo expresou a súa admiración polo traballo que realizan os centros especiais de emprego de iniciativa social pola súa capacidade de crear emprego entre persoas "que non teñen fácil acceso ao mercado laboral"..

25 anos, 2.162 empregos e 44 millóns de euros de facturación

Cegasal cumpriu en 2022 os 25 anos de vida e conseguiu que o 96% dos persoais dos 32 centros que alberga sexan persoas con discapacidade. O obxectivo para os próximos anos é aumentar a taxa de creación de emprego un 20%, é dicir, xerar 400 postos de traballo máis. Na actualidade, os centros especiais de Cegasal, no seu conxunto, facturan máis de 44 millóns de euros e dan emprego a 2.162 persoas con discapacidade.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar